Eu falo Galego

Eu falo Galego

domingo, 28 de septiembre de 2014

Coñecemos a repercusión da figura do Padre Feijoo
A tradución do castelán ao galego de dúas noticias sobre a figura do Padre Feijoo que realizamos esta semana permitiunos coñecer máis de preto a importancia deste autor no ámbito da literatura e, ao mesmo tempo, abordar diversas cuestións lingüísticas que presenta esta actividade tradutolóxica. Algunhas destas cuestións foron a tradución dos nomes propios, a diferenza no xénero entre os termos casteláns e galegos, a correspondencia de certos vocábulos de maior dificultade tradutolóxica, expresións feitas, etc. Así mesmo, puidemos revisar a estrutura deste tipo de textos periodísticos. Velaquí o resultado. 

O galego que ensinou a pensar aos españois
A Academia Galega de Ciencias rende homenaxe en abril ao Padre Feijoo, ensaísta do século XVIII


A razón por riba de todo. A experiencia como único método válido. Era monxe pero non dubidou en rebater sen piedade as supersticións e os milagres, malia ser perseguido duramente pola Inquisición. Benito Jerónimo Feijoo naceu na aldea ourensá de Pereiro de Aguiar en 1676 e os seus polémicos escritos deron a volta ao mundo. A Real Academia Galega de Ciencias dedica este ano o Día do Científico Galego, que celebra os seus actos centrais o vindeiro 23 de abril, ao Padre Feijoo, o pai do ensaio español. Sabio, rebelde e cun humor moi galego.
Unha rúa, un parque, un instituto. O nome Padre Feijoo forma parte das vidas cotiás dos galegos pero, en realidade, poucos coñecen de primeira man quen era ese home do século XVIII e que fixo para merecer estas pequenas homenaxes. A Real Academia Galega (RAGC) quere que o pensador e ensaísta recobre polo menos unha parte do enorme protagonismo que tivo no seu tempo e, para iso, este ano dedícalle o Día do Científico Galego, unha celebración que ten o seu núcleo central o 23 de abril pero que pretende estender as actividades de difusión da figura e obra do homenaxeado durante todo o ano.
“É o primeiro home de Letras que elixe a Academia para este día, pero é que o Padre Feijoo distinguiuse por un tremendo labor de difusión e defensa da ciencia e tiña unha liberdade de pensamento moi avanzada para o seu tempo”, xustifica Miguel Ángel Ríos, vicepresidente da RAGC. “Para axudarnos a difundir o seu legado entre os máis novos contamos coa Fundación Barrié, que está elaborando unha unidade didáctica e varios obradoiros”, engade o químico.
O Padre Feijoo “foi un intelectual sabio, rebelde e xeneroso que, ademais de ser figura clave da Ilustración española, desempeña un papel fundamental na formación do innovador xénero do ensaio e na modernización da prosa castelá”, resume Inmaculada Urzainqui, investigadora do Instituto Feijoo de estudos do século XVIII, en Oviedo, e unha das máximas expertas na obra do autor galego. A súa extensísima obra ten como piares o “Teatro crítico universal” (entendendo teatro como panorama), 8 volumes; as “Cartas eruditas e curiosas”, 5 volumes, así como numerosa obra poética e epistolar. “Era un home que promovía a tolerancia e o espírito científico e cuxo maior afán era romper coa xenofobia e desenganar ao vulgo dos seus erros e ideas equivocadas”, asegura a catedrática.
En Oviedo encóntrase a sé do Instituto Feijoo de estudos do século XVIII, un centro de investigación dedicado ao estudo multidisciplinar do Século das Luces no ámbito español e iberoamericano aínda que, admite Urzainqui, “ten predilección polo autor que leva o seu nome”. E é que en Oviedo foi onde o Padre Feijoo escribiu a maior parte da súa obra.
Benito Jerónimo Feijoo (Pereiro de Aguiar, Ourense, 1676-Oviedo, 1764) realizou os seus primeiros estudos en Allariz e no colexio beneditino de San Estevo de Ribas de Sil. Cando tiña 14 anos renunciou ao morgado que lle correspondía como primoxénito para ingresar no mosteiro beneditino de San Xulián de Samos (Lugo), ao que segundo os estatutos da Orde, pertenceu toda a súa vida. Tras dos anos de noviciado foi enviado a estudar Artes ao colexio de San Salvador de Lérez (Pontevedra) e Teoloxía a Salamanca. Finalizados os seus estudos, regresou a Galicia en 1702, onde foi profesor de Artes no colexio de Lérez e mestre de Teoloxía en Poio e no arzobispado de Santiago.
Despois foi destinado a Oviedo, cidade á que chegou aos 33 anos e na que permaneceu ata a súa morte.
Ata 1725 Feijoo non comezou a publicar as súas obras, recompilacións de reflexións que, en realidade, eran verdadeiros ensaios. “Tiña un gran interese por estar ao tanto do que se escribía en Europa e conseguiu facerse cunha biblioteca moi moderna, o que era todo un mérito desde Oviedo”, apunta Urzainqui. A experta destaca a capacidade que tivo para chegar ao vulgo “pola súa forma tan amena de escribir, cunha prosa sinxela e fluída e con moita graza. Escribía moito tamén desde o seu punto de vista persoal, con moitas anécdotas que facían referencia á súa Galicia natal”.
Feijoo foi ante todo un defensor da razón. O seu escepticismo en relación coa ciencia dogmática que defendía a Igrexa, cos milagres e as supersticións, e a súa defensa á ultranza da muller nun momento no que era considerada un ser indiscutiblemente inferior ao home, convertérono nun precursor do pensamento moderno e ter moitos discípulos. “Foi o autor máis polémico do seu tempo e tiña moitos defensores e detractores por todo o mundo; era un  home famoso e grazas a isto temos imaxes del, por todos os pintores que o retrataron. Era un auténtico fenómeno editorial”, salienta a investigadora Inmaculada Urzainqui. Tan extraordinaria era a súa popularidade e recoñecemento que de todas as partes acudían a velo e recibía infinidade de cartas que lle pedían a súa opinión ou lle suxerían que tratara determinados asuntos (moitas das súas “Cartas eruditas” teñen a súa orixe aquí).
Actualmente consérvanse moi poucos manuscritos do autor. Todos os seus papeis así como a súa biblioteca estaban depositados no Mosteiro de Samos (Lugo) pero dispersáronse coas medidas desamortizadoras e os que se recuperaron despois arderon no incendio que en 1951 asolou a abadía.
O lector actual ten tamén limitacións para acceder ao corpus completo da súa obra porque mentres que no século XVIII acada un éxito sen precedentes e se suceden as edicións e reedicións das súas obras maiores, nos dous seguintes o ritmo decrece ostensiblemente xa que só se publican edicións parciais e antolóxicas. “A súa obra é moi voluminosa e estamos preparando os materiais para unha edición crítica pero é complicado pola gran cantidade de temas que trata, desde ciencia a medicina, filosofía, literatura, música, política e teoloxía (aínda que é do que menos escribiu)… nada lle resultaba alleo. Esta enorme variedade obriga a que, na súa edición, traballen igualmente especialistas nos distintos campos dos que escribe”, explica a investigadora ovetense. 



Galicia celebra o 250 aniversario do Padre Feijoo con exposicións, obradoiros e un simposio

A partida de bautismo, unha carta autógrafa e a máscara mortuoria do personaxe homenaxeado poderán verse a partir do día 13 de outubro no centro de Afundación
X.M.C. | Ourense 22.09.2014 | 22:45

A Xunta e o Consello da Cultura Galega presentaron onte no Liceo a programación de actividades para conmemorar o 250 aniversario do Padre Feijoo, falecido o 26 de setembro de 1764. O conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez Abad, destacou que esta efemérides “nos ofrece este ano unha oportunidade magnífica para promover un conxunto de actividades que van contribuír a afianzar e a divulgar o importante legado dun intelectual que ofreceu nos seus escritos propostas renovadoras en campos como a ciencia, a educación, a lingua e a cultura”.
A programación elaborada para esta homenaxe conta con propostas que pretenden achegar aos cidadáns a figura do Padre Feijoo, a súa obra e o seu pensamento, mediante exposicións en museos, arquivos e bibliotecas de xestión autonómica, materiais audiovisuais, un simposio, un obradoiro científico e guías de lectura.
No transcurso da súa intervención, Jesús Vázquez salientou que o día 13 de outubro se inaugurará a exposición “O Padre Feijoo, cidadán libre da República Literaria”, organizada pola Consellería de Cultura a través do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOU), que se poderá visitar no Centro Social Afundación desta cidade. A mostra, que toma o título da definición que fixo o Padre Feijoo de si mesmo, pretende chamar a atención sobre aspectos biográficos do erudito e sobre a súa obra. Pezas singulares relacionadas co Padre Feijoo, que se atopan no MAPOU, xunto con obxectos documentais e artísticos procedentes doutras institucións e particulares, forman parte da exposición.
A exposición xira en torno a dous eixes. O primeiro apartado, “Feijoo e Ourense”, afonda na súa biografía, a través de documentos e obxectos como a súa partida de bautismo, unha carta autógrafa e a máscara mortuoria que presidiu o seu funeral. O segundo articúlase en torno a Feijoo e a ilustración. A través de distintas edicións dos seus libros, abordaranse algúns dos aspectos da súa obra, que pretende formular a profunda renovación que realizou Feijoo do pensamento do seu tempo.
O vindeiro venres, día 26 de setembro, data do 250 aniversario da morte do ilustre personaxe, inaugurarase a exposición bibliográfica e documental “Padre Feijoo, o ronsel dun sabio”, un percorrido pola época, a vida e a obra do intelectual que se poderá visitar na Biblioteca do Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o 26 de outubro.
As bibliotecas nodais de Galicia, situadas nas principais cidades e xestionadas pola Secretaría Xeral de Cultura, tamén se sumarán á efemérides con exposicións bibliográficas sobre o Padre Feijoo, que se acompañarán con guías de lectura para apoiar os seus contidos.
A mostra da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago pode visitarse desde onte ata o 10 de outubro. Na Coruña, a exposición da Biblioteca Miguel González Garcés, que permanecerá aberta ata o día 30 deste mes, complementarase cunha proxección audiovisual sobre a produción científica do Padre Feijoo. As exposicións instaladas na Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo y Nodal de Lugo poderanse visitar ata final de mes. Esta última biblioteca foi depositaria dos 600 volumes da biblioteca feijoniana ata que no ano 1941 foron devoltos ao mosteiro de Samos.
Dentro do marco da campaña de dinamización da lectura “Ler conta moito”, promovida por Educación, o legado do Padre Feijoo estará presente o vindeiro venres na Biblioteca Nodal de Lugo, cun obradoiro para achegar á xuventude diferentes disciplinas científicas, dunha forma lúdica.
A cidade de Ourense contará con actividades programadas a través do Arquivo Histórico Provincial, que se suma a esta homenaxe cunha nova entrega do serial de curtametraxes “As viaxes do capitán Gardador”, dedicada á figura do Padre Feijoo e ás distintas homenaxes que lle renderon ao longo da historia.
Paralelamente, o arquivo realizará tamén unha exposición dos documentos utilizados no audiovisual, xunto coa reprodución de fondos procedentes doutros arquivos xestionados pola Consellería de Educación.
O Consello da Cultura Galega contribúe á conmemoración desta data coa organización do seminario “B.J. Feijoo, renovador do pensamento da Ilustración”, coordinado polo vicepresidente da entidade, Francisco Díaz Fierros Viqueira. O Liceo de Ourense acollerá o día 9 de outubro un debate que contará coa participación de Luís Rodríguez, da Universidade de Vigo; Inmaculada Urzainqui, da Universidade de Oviedo; o académico Xosé Ramón Barreiro; o investigador do CSIC Antonio Lafuente, ademais de Francisco Díaz Fierros. Analizarán a vixencia do pensamento de Feijoo, a súa contribución aos inicios da historiografía da cultura e a mirada crítica de Concepción Arenal e de Emilia Pardo Bazán sobre a obra desta figura clave da ilustración. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario