Eu falo Galego

Eu falo Galego

domingo, 13 de abril de 2014

Anímovos a ler esta noticia sobre unha revista que seguramente vos soe: a revista Grial, que estudamos na parte de literatura. Velaquí a importancia desta publicación: 


A revista «Grial» cumpre medio século mirando cara o futuro

A decana da cultura galega pretende abrir novas fronteiras en ultramar 


Medio século de percorrido ininterrompido e douscentos números fan da revista Grial a decana da cultura galega e unha das máis antigas de España. A publicación trimestral viu a luz no verán de 1963 para dar cabida ao pensamento galeguista interior e difundilo alén das fronteiras, aínda que o proxecto remóntase a unha asemblea celebrada no bodegón do hotel Compostela no ano 1950, a mesma que conformou a editorial Galaxia, creada para darlle vida. Logrou esquivar un aviso de suspensión, mesmo a censura franquista, e ao longo destes cinco decenios acabaron pasando polas súas páxinas colaboradores de todas as cores cun denominador común: unha reflexión sólida sobre o onte, o hoxe e o mañá de Galicia.
Esa mesma vocación foi a que reinou na conmemoración do aniversario da revista, que festexou onte en Santiago o acontecemento histórico «mirando cara o futuro», tal e como destacou Víctor Freixanes, quen dirixe na actualidade Grialxunto con Henrique Monteagudo. Freixanes recordou aos que pasaron, aos que fixeron posible «o proxecto que soñaron os nosos avós e que queremos deixar enriquecido». «Estes 50 anos son o resultado dos que estiveron antes», insistiu, pero tamén sumou ao fito á nova fornada que integra agora parte da redacción, xa que ao final, sinalou, «unha publicación é o resultado das persoas que traballan nela».
Sen embargo, a mirada cara ao futuro transcende máis aló das mesmas firmas. Tal e como anunciaron, a aposta radica nun proxecto estratéxico que ten previsto abrir unha nova filial en Buenos Aires (Argentina) e no ano 2015 chegar a Brasil. Segundo Freixanes, a pesar de non estar baixo unha ditadura, tamén «hoxe as circunstancias son moi difíciles» e o reto agora é loitar contra a globalización e «os novos modelos uniformadores do pensamento» para continuar difundindo a cultura galega mantendo o espírito fundacional da revista.
Un número cheo de historia
A homenaxe continúa nas propias páxinas de Grial, que presentou un número 200 cargado de historia. Nel recupera a portada e algún dos textos que se incluíron na primeira edición, ademais das liñas fundacionais da revista que Ramón Piñeiro presentou en Tréveris; tamén outros textos que analizan o paso deste medio século na publicación e mesmo en Galicia.
Engadindo máis caldo ao guiso, o último exemplar dá conta en primicia dun poema inédito de Rosalía de Castro rescatado do Arquivo Municipal da Coruña, seguramente vencellado ao fondo orixinario de Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880). Igualmente incorpora un artigo sobre a nova tradución ao galego dunha das grandes obras da literatura universal: oUlises de James Joyce.
A pota de Grial segue no lume e cociña xa un novo capítulo na súa historia, o número 201. 
La Voz de Galicia. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario